O festival xuvenil O Talentiño incorporará un Punto Violeta durante a celebración da súa gala final, que terá lugar o vindeiro 12 de abril no Teatro Jofre de Ferrol. O espazo estará xestionado pola asociación de mulleres Alvixe, entidade ferrolá con ampla experiencia no ámbito da igualdade e na prevención da violencia de xénero.
A iniciativa ten como obxectivo ofrecer información, sensibilización e apoio ante posibles situacións de acoso ou violencia, contribuíndo a garantir un evento seguro e respectuoso para todas as persoas asistentes, nun festival especialmente dirixido á mocidade.
A producción de O Talentiño destaca que a incorporación deste Punto Violeta responde ao compromiso dos fundadores do certame coa creación de contornas culturais seguras e igualitarias, reforzando os valores de convivencia, respecto e igualdade.
Salto provincial
Nesta cuarta edición, O Talentiño amplía o seu alcance e abre a participación a mozos e mozas de entre 8 e 18 anos de toda a provincia da Coruña. O certame conta co respaldo do Concello de Ferrol e coa colaboración do Campus Industrial da Universidade da Coruña. Os participantes poderán competir en cinco categorías: vocalistas, instrumentistas, danza lírica, danza urbana e variedades (maxia, monólogos ou artes escénicas, entre outras).
A participación poderá ser individual ou en grupo, ampliándose nesta edición ata 25 integrantes por formación. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 28 de marzo a través da páxina web oficial do festival 2026.otalentino.es.
Xurado e premios: 300 euros por categoría e accésit
O xurado estará integrado polos propios fundadores —Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno e Eva Faraldo— aos que se suma nesta edición o recoñecido dúo Caamaño & Ameixeiras, e na preselección de videos tamén se incorporará o fundador e acordeonista Joaquín Enríquez.
En canto aos premios, establécense vales de 300 euros para os primeiros clasificados de cada unha das categorías, ademais de entradas a un parque multiaventura para os finalistas.
O xurado outorgará tamén como novidade un premio especial á promoción da lingua e da cultura galega, destinado a recoñecer aquelas actuacións que destaquen pola súa contribución á difusión da identidade cultural galega.




