O Talentiño preséntase novamente aos Premios Martín Códax da música

O festival xuvenil O Talentiño consolídase na súa cuarta edición cun novo impulso provincial e coa súa candidatura, un ano máis, aos Premios Martín Códax da Música na categoría de Festivais. Tal e como pode comprobarse na propia páxina oficial dos premios, o certame figura entre os proxectos presentados nesta XIII edición.

Os Premios Martín Códax da Música, organizados pola asociación Músicas ao Vivo co apoio de entidades como Bodegas Martín Códax e a Xunta de Galicia, teñen como finalidade visibilizar e apoiar a creación musical galega en múltiples estilos e modalidades. Desde a súa creación en 2013 convertéronse nunha das citas máis relevantes do sector musical en Galicia, recoñecendo tanto artistas como proxectos de difusión cultural, entre eles festivais.

A iniciativa O Talentiño, que naceu en 2023 en Ferrol, celebrará a súa gran final o vindeiro 12 de abril no Teatro Jofre, escenario que acollerá ás actuacións seleccionadas polo xurado profesional.

O festival xurdiu da man do músico e profesor universitario ferrolán Joaquín Enríquez, xunto coa cantante Lucía Pérez, o cantautor Xabier Vizcaíno e a bailarina Eva Faraldo, coa intención de recuperar o espírito de antigos festivais galegos xa desaparecidos e ofrecer un escaparate aos novos talentos do panorama artístico.

Salto provincial

Nesta cuarta edición, O Talentiño amplía o seu alcance e abre a participación a mozos e mozas de entre 8 e 18 anos de toda a provincia da Coruña. O certame conta co respaldo do Concello de Ferrol e coa colaboración do Campus Industrial da Universidade da Coruña.

Os participantes poderán competir en cinco categorías: vocalistas, instrumentistas, danza lírica, danza urbana e variedades (maxia, monólogos ou artes escénicas, entre outras). A participación poderá ser individual ou en grupo, ampliándose nesta edición ata 25 integrantes por formación.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 28 de marzo a través da páxina web oficial do festival.

Xurado de prestixio

O xurado estará integrado polos propios fundadores —Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno e Eva Faraldo— aos que se suma nesta edición o recoñecido dúo Caamaño&Ameixeiras. A gala final estará presentada por Joaquín Enríquez e pola xornalista Rebeca Collado.

En canto aos premios, establécense vales agasallo de 300 euros para os primeiros clasificados de cada categoría, ademais de entradas a un parque multiaventura para os finalistas. O xurado escollerá tamén un representante da edición 2026 que actuará na seguinte convocatoria e outorgará unha mención especial á promoción da lingua e cultura galega.

Este sitio web utiliza cookies para que teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, pinche o enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies