O Centro Cívico de Canido acolleu esta mañá a entrega da recadación obtida no festival O Talentiño Solidario, celebrado o pasado 8 de novembro.
Ferrol, 20 de novembro de 2026.
O Talentiño realizou esta mañá a entrega a Asociación Espñola Contra o Cancro e a ASARGA os 518,30 euros recadados no festival benéfico O “Talentiño Solidario”, que o pasado 8 de novembro conseguiu encher o Centro Cívico de Canido nunha gala presentada por Joaquín Enríquez e Rebeca Collado, marcada polo talento e a solidariedade.
A cantidade recadada distribuíuse a partes iguais, con 259,15 euros destinados a cada unha das dúas entidades beneficiarias, que desenvolven unha importante labor na loita contra o cancro, no impulso da investigación oncolóxica e no acompañamento ás persoas afectadas pola enfermidade e ás súas familias.
A entrega simbólica dos donativos contou coa participación de catro das novas voces que forman parte da historia de O Talentiño: Antía Barona, gañadora da categoría de Vocalistas na edición do 2026; Sofía Hernández, gañadora da mesma categoría no 2025; Nuria Cornide e Sabela Castro, finalistas da categoría de Vocalistas.
As catro artistas, que tamén participaron en O Talentiño Solidario, foron as encargadas de representar ao certame fundado por Lucía Pérez, Joaquín Enríquez, Eva Faraldo e Xabier Vizcaíno. En representación das entidades beneficiarias participaron Mayte Deus, presidenta de ASARGA, e Mabel Sanesteban, vicepresidenta da xunta local de Ferrol da Asociación Española Contra o Cáncro.
O agradecemento das entidades beneficiarias
Durante a entrega, Mayte Deus quixo agradecer o compromiso de O Talentiño e de todas as persoas que participaron no festival, destacando a importancia que teñen este tipo de iniciativas para asociacións pequenas que traballan con enfermidades pouco frecuentes. «Somos unha asociación pequena que precisa destes recursos para seguir acompañando, informando e orientando ás persoas afectadas, así como para contribuír á investigación dunha enfermidade rara como é o sarcoma», explicou a presidenta de ASARGA, quen destacou o importante apoio que supón para a entidade a doazón recibida.
Pola súa parte, Mabel Sanesteban trasladou tamén o agradecemento da súa entidade pola iniciativa solidaria, subliñando a importancia das achegas económicas para soster a investigación e os servizos que se prestan ás persoas enfermas e ás súas familias. «É un donativo fabuloso e moi importante para a investigación, para os nosos pacientes e para todas as actividades que organizamos desde a asociación. Sobre todo, permítenos seguir ofrecendo de maneira gratuíta os servizos destinados aos pacientes e familiares. Moitísimas grazas a O Talentiño», expresou Sanesteban.
O talento que nos une, a solidariedade que nos move
O Talentiño Solidario celebrouse o pasado 8 de novembro baixo o lema «O talento que nos une, a solidariedade que nos move», reunindo artistas de distintas edicións do certame e persoas vinculadas ao proxecto.
A recadación conseguiuse grazas á implicación das persoas asistentes, a través das diferentes iniciativas solidarias desenvolvidas durante o evento, entre elas os sorteos e a venda de artigos solidarios.
Desde a organización de O Talentiño valórase moi positivamente o resultado desta primeira edición, que se espera teña continuidade, tanto pola resposta do público como pola implicación desinteresada das persoas participantes, artistas, colaboradores e entidades que contribuíron á súa celebración. Máis alá da cantidade económica conseguida, o festival permitiu visibilizar o labor das entidades que traballan diariamente na loita contra o cancro e demostrar a capacidade da música e do talento da mocidade para mobilizar á sociedade arredor dunha causa común.
Na imaxe, de esquerda a dereita: Sabela Castro, Mayte Deus, Antía Barona, Nuria Cornide Mabel Sanesteban e Sofía Hernández

